Durante este mes de xullo estamos realizando un obradoiro de fotografía enmarcado dentro do noso proxecto de dinamización do Xacobeo 2021 titulado Olladas do Camiño.
Este proxecto está subvencionado pola Axencia Turismo de Galicia, dentro do programa O teu Xacobeo.
O obxectivo do proxecto é favorecer a inclusión das persoas con síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais a través do Camiño de Santiago, fomentando a creatividade a través das artes visuais.
Despois dunha sesión na que se explicaron uns contidos básicos de fotografía (uso e manexo da cámara- dixital ou teléfono móbil, encadres, tipos de fotografía…), realizamos varias saídas pola cidade para poñer en práctica estes coñecementos.
Visitamos distintos lugares do Camiño Primitivo ao seu paso por Lugo como son a Parroquial de Santiago, Palacio Episcopal ou a Catedral de Santa María. Os rapaces e rapazas foron percorrendo estes emprazamentos tomando fotografías e coñecendo o patrimonio cultural que pon en valor o Camiño.