O IX Fórum RIES 2024, celebrado o 13 e 14 de novembro no Balneario de Guitiriz, foi o escenario escollido polo Clúster Saúde Galicia (CSG) para entregar os Premios #RIES24, nos que o proxecto “Protocolos de avaliación e seguimento do envellecemento das persoas coa síndrome de Down e discapacidade intelectual” da Federación Down Galicia conseguiu alzarse co galardón na categoría “Revelación”, que premia a aquelas empresas ou entidades que destacaron recentemente por lograr un impacto significativo no ecosistema da saúde en Galicia.
Down Galicia decidiu presentar este proxecto aos Premios #RIES24 polo seu enfoque innovador, xa que actualmente non existe no sistema sanitario galego ningún procedemento que teña en conta o envellecemento prematuro e acelerado do colectivo de persoas coa síndrome de Down e discapacidade intelectual e que favoreza unha diagnose precoz e diferencial e unha boa atención.
É de vital importancia levar a cabo un exhaustivo control médico que teña en conta os problemas clínicos desde que son persoas adultas ata que envellecen, xa que, por unha banda, será necesario adiantar a idade de aplicación de certos protocolos para probas diagnósticas e, por outro, será de especial relevancia o coidado da saúde e a prevención da dependencia e a saúde mental.
O descoñecemento da realidade das persoas coa síndrome de Down nesta etapa vital xera moitas dificultades para a realización de diagnósticos que diferencien adecuadamente entre comportamentos ou condutas propias da persoa con discapacidade intelectual, doutros que poidan indicar a presenza dalgunha enfermidade mental ou deterioro cognitivo ou, incluso, de outras patoloxías como celiaquía, xordeira, problemas de tiroides, etc.
Este galardón é o segundo que acada este proxecto neste 2024 tras ser distinguido como finalista nos Premios Innovación en Saúde do Sergas. Estes recoñecementos dan validez ao traballo levado a cabo polas entidades de Down Galicia nos últimos 10 anos e avalan os informes elaborados por estas, que recollen información de xeito sistematizado, obxectivo e periódico que contribúe á elaboración dun perfil de funcionamento que axuda a detectar cambios significativos que poidan ser indicadores da presenza dunha enfermidade ou trastorno.
Premiados #RIES24
Os Premios RIES recoñecen aos socios do Clúster Saúde Galicia os seus proxectos innovadores e o seu impacto no ámbito da saúde.
Ademais da Federación Down Galicia, tamén foron recoñecidos nesta xornada os proxectos das seguintes empresas e entidades:
- Categoría Innovación: “Téxtiles cirúrxicos reutilizables” de Revolution-Zero
- Categoría Coñecemento: “GCR Móvil” de DomusVi
- Categoría Impacto nas Persoas: “Observatorio de Saúde Pública de Galicia” da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS)
- Categoría Comunidade: Estudio “A experiencia de compra das persoas maiores en Galicia” da Cátedra Cruz Roja-USC
O evento tamén brindou un merecido recoñecemento á traxectoria profesional de José Luis Castro Romero, Conselleiro Delegado de Servizo Móbil, pola súa destacada contribución ao sector.
IX Fórum RIES 2024
Organizado polo Clúster Saúde de Galicia, #RIES24 ofreceu un programa de alto nivel con relatorios maxistrais, mesas redondas e ágoras interactivas, ademais de premiar aos actores máis destacados do ecosistema da saúde. Este evento, clave na axenda da innovación en saúde, marcou un novo fito na colaboración para afrontar os retos do futuro do sector.
O Forum RIES ’24, que reuniu a máis de 250 profesionais dos sectores sanitario, tecnolóxico e empresarial, contou tamén coa participación de destacadas figuras do eido público, como a Conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García Martínez; o Conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño; o xerente do Sergas, José Ramón Parada; a Directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo; o xerente da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde, Antonio Fernández-Campa; a alcaldesa de Guitiriz e deputada na Deputación de Lugo, Marisol Morandeira; o Director Xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo; o director da área de internacionalización do IGAPE, Augusto Álvarez-Borrás; e o Subdirector Xeral de Sistemas e Tecnoloxías da Información da Consellería de Sanidade, Beni Rosón.