Proxecto medioambiental coa Fundación ALCOA

Dende o ano 2006 Fundación ALCOA e Down Lugo colaboramos de forma conxunta en diferentes proxectos, en moitos dos cales traballamos man a man cos seus voluntarios e voluntarias.

Este ano 2022 Fundación ALCOA seleccionou un proxecto presentado por Down Lugo ao seu Programa Acción de Voluntariado. Trátase dun proxecto medioambiental no que, xunto cos empregados e empregadas da empresa, construímos refuxios para o coidado dos gatos rueiros. Estes refuxios foron posteriormente doados á protectora local de animais Coletiñas de Cervo.

O proxecto levouse a cabo o 28 de setembro nunha xornada que comezou cunha pequena charla na que coñecemos un pouco máis cal é o propósito das protectoras de animais a fin de sensibilizar sobre a importancia do benestar animal. A continuación, un grupo de 15 voluntarios/as de ALCOA xunto con 23 usuarios/as e 3 traballadoras de Down Lugo deseñaron e construíron refuxios de distintos tamaños.

Ao final, puidemos ter un rato de charla e así poder compartir impresións sobre a xornada, ao tempo que desfrutamos dunha merenda e a entrega de diplomas aos participantes na xornada.

Dende Down Lugo queremos agradecerlle a ALCOA o contar con nós un ano máis, aos seus traballadores/as voluntarios/as pola súa participación e implicación e ao Concello de Cervo polas facilidades que nos deron para poder levar a cabo este proxecto.