Recomendacións sobre a vacina da gripe estacional para as persoas coa síndrome de Down

Ante a nova tempada da gripe estacional, desde Down Galicia queremos lembrar a vulnerabilidade das persoas coa síndrome de Down fronte á enfermidade e as súas posibles complicacións derivadas da disfuncionalidade da súa resposta inmune. Ademais, as posibles infeccións respiratorias que pode provocar a gripe, principalmente por neumococos, elevan a alerta este ano ao coincidir por segundo ano coa pandemia de COVID-19.

Por iso, seguindo as recomendacións do Comité Médico Asesor de Down España, solicitamos ás familias, profesionais e persoas coa síndrome de Down que contacten ou se dirixan aos seus centros de saúde para iniciar as indicacións de vacinación esixidas e consensuadas para o colectivo:

  1. Vacinación antigripal de todas as persoas coa síndrome de Down maiores de 6 meses.
  2. Vacinación dos e das conviventes con persoas coa síndrome de Down -familiares e profesionais que lles acompañen-, sobre todo se presentan factores de risco de complicacións da gripe: idade avanzada; trastornos respiratorios crónicos, inmunitarios ou cardíacos; diabetes…
  3. Vacinación antineumocócica:
    • En nenos e nenas coa síndrome de Down menores de 2 anos, asegurar a recepción das correspondentes doses de vacina antineumocócica conxugada (VNC) contempladas no calendario de vacinacións sistemáticas da súa comunidade.
    • En persoas coa síndrome de Down maiores de 2 anos que non reciban ou completen a vacinación sistemática infantil con vacina antineumocócica tridecavalente (VNC13: Prevenar 13), administración dunha dose de VNC13 seguida, tras un intervalo mínimo de 2 meses, dunha dose de vacina antineumocócica polisacarídica 23-valente (VNP23).
    • Nas persoas vacinadas unicamente con doses de VNC13 despois dos 2 anos, administración dunha dose de VNP23 tras un intervalo mínimo de 2 meses.
    • En persoas de 2 a 17 anos que recibisen doses de VNP23 sen doses previas de VNC13, indicación dunha dose de VNC13 a partir dos 2 meses seguintes; en persoas adultas, o intervalo entre ambas as doses non debe ser inferior a 12 meses.

Para consultar o calendario de vacinación infantil, pica na seguinte ligazón: Calendario de vacinacións da Asociación Española de Pediatría.

 

Terceira dose da vacina COVID-19

Doutra banda, lembramos que as persoas coa síndrome de Down maiores de 40 anos deben recibir unha terceira dose da vacina contra a COVID-19, pois forman parte do grupo 7 de risco. Se non a recibiron xa, aconsellamos tamén o contacto co centro de saúde correspondente.

Ambas vacinas (Gripe e COVID-19), que teñen como obxectivo protexer ás persoas máis vulnerables diminuíndo o máximo posible a incidencia de gripe/COVID nestes grupos diana, poden ser administradas á vez. Non hai ningunha contraindicación para iso.

Ademais destas recomendacións sobre a vacinación da gripe estacional, desde Down Galicia queremos facer fincapé na importancia de seguir as recomendacións para evitar contaxios por COVID-19, especialmente o uso correcto da máscara (sobre todo en espazos pechados), a priorización de espazos abertos e a ventilación continua.