Reserva a túa bolsa isotérmica polo Día Mundial da Síndrome de Down e colabora con Down Galicia

Un ano máis, La Voz de Galicia colabora con Down Galicia poñendo á venda un novo produto con motivo do Día Mundial da Síndrome de Down. Así, neste 2025 poderase adquirir unha fantástica bolsa isotérmica na que hai espazo para tod@s”.

A venda deste produto ofrece a todas aquelas persoas que o desexen a oportunidade de colaborar de forma directa cos programas de inclusión e autonomía persoal que desenvolven as entidades Down en Galicia.

Deste xeito, toda aquela persoa que estea interesada en adquirir esta bolsa isotérmica debe reservala no seu quiosco máis próximo desde o luns 10 ata o xoves 13 de marzo, para poder recollela entre os días 17 e 23 de marzo por tan só 3,95€.

Esta bolsa isotérmica, con peche de velcro e un interior de aluminio foam illante, ten unhas medidas de 37,5x34x14,4 cm. e unha capacidade de 10 litros. O tamaño perfecto para levala ao supermercado, á praia ou a unha comida campestre.

Ademais, presenta un atractivo deseño que busca implicar a toda a sociedade no obxectivo de incluír ás persoas coa síndrome de Down en tódolos ámbitos da vida. Porque depende de todas e de todos que poidan participar de forma activa de todas aquelas actividades que conforman o noso día a día: aprender na escola, saír, traballar… O obxectivo está nas nosas mans. Fagámolo posible!

Como cada ano, esta campaña pretende, principalmente, concienciar á sociedade e permitirlle aportar o seu gran de area para que as persoas coa síndrome de Down conten cos apoios necesarios e coas contornas adecuadas para levar unha vida autónoma, formando parte da súa comunidade de forma visible e activa, e demostrando as súas capacidades.

Esta iniciativa solidaria é posible grazas á colaboración desinteresada de La Voz de Galicia, que doará a Down Galicia o beneficio íntegro de cada bolsa isotérmica vendida co seu xornal.