Reserva a túa libreta ecolóxica polo Día Mundial da Síndrome de Down e colabora con Down Galicia

Sembrando a semente da inclusión é o lema co que as entidades Down en Galicia e La Voz de Galicia poñen á venda un bloc de notas ecolóxico con motivo do Día Mundial da Síndrome de Down de 2022.

A venda deste produto ofrece a todas aquelas persoas que o desexen a oportunidade de colaborar de forma directa cos programas de inclusión e autonomía persoal que desenvolven as entidades Down en Galicia.

Deste xeito, toda aquela persoa que estea interesada en adquirir este bloc de notas debe reservalo no seu quiosco máis próximo desde o luns 14 ata o xoves 17 de marzo, para poder recollelo co xornal La Voz de Galicia entre os días 21 e 27 de marzo por tan só 5,95€.

A libreta, de tamaño A5 e cun interior composto de 40 follas lisas, conta cun elemento sorpresa no seu interior: as súas tapas inclúen sementes de flores silvestres para que, ao rematar o seu uso, poida ser plantada, dándolle desta forma unha nova vida.

Un ano máis, a Federación opta por sumar esforzos a favor doutra reivindicación mundial histórica, a de salvar o noso planeta. Por este motivo, Down Galicia pon á venda un produto sostible e respectuoso co medio ambiente.

Pero, ademais, este bloc de notas presenta un deseño moi atractivo no que se inclúe a consigna, “Axúdasnos a seguir medrando?”, co que o Movemento Down en Galicia quere poñer en valor a importancia dos apoios recibidos durante as últimas décadas, sen os que o traballo que se está a levar a cabo non sería posible.

Esta campaña pretende, principalmente, concienciar á sociedade e permitirlle aportar o seu gran de area para que as persoas coa síndrome de Down conten cos apoios necesarios e coas contornas adecuadas para levar unha vida autónoma, formando parte da súa comunidade de forma visible e activa, e demostrando as súas capacidades.

Esta iniciativa solidaria é posible grazas á colaboración desinteresada de La Voz de Galicia, que doará a Down Galicia o beneficio íntegro de cada bloc de notas vendido co seu xornal.