En Down Lugo buscamos persoas voluntarias con gañas de compartir parte do seu tempo colaborando nas nosas actividades e axudando a mellorar a calidade de vida das persoas con síndrome de Down e discapacidade intelectual.
E… cales son as actividades nas que podería colaborar?
Tes varias opcións:
Unha primeira opción sería colaborar no noso Servizo de Promoción da Autonomía Persoal. Está formado por distintos programas de atención directa para as persoas con síndrome de Down que asisten á Asociación, e son:
- Programa de Ocio e Tempo Libre. Participarás nas saídas de ocio que os rapaces e rapazas fan os venres e/ou sábados.
- Programa de Autonomía. Colaborarás nas actividades semanais nas que traballamos as habilidades sociais, autonomía urbana, autonomía doméstica…
- Programa de Formación de Adultos. De forma semanal axudaraslles a mellorar as súas habilidades co euro, o reloxo, as novas tecnoloxías…
Segunda opción. Es fotógrafo e queres compartir os teus coñecementos?, sabes bailar salsa e gústache ensinar?, es unha afeccionada das novas tecnoloxías e poderías impartir unhas sesións sobre o uso seguro de Internet? Se tes unha afección na que destaques, unha formación específica… que queiras compartir con nós, cóntanolo! Se encaixa coa nosa liña de actuación e é interesante para as nosas persoas usuarias poderías colaborar co teu tempo e coñecementos coa Asociación.
E a terceira opción que vos propoñemos é colaborar coa entidade nas actividades de sensibilización e captación de fondos que organizamos de forma puntual ao longo do ano (campaña de Nadal, Día Mundial da Síndrome de Down…).
Queres facer voluntariado en Down Lugo? Contigo podemos máis
Esta nova forma parte do noso proxecto de promoción e captación de voluntariado “Contigo podemos máis” subvencionado pola Consellería de Política Social e Xuventude da Xunta de Galicia.