Todas incluídas

O pasado 3 de Decembro con motivo do Día Internacional das Persoas con Discapacidade, visitamos aos alumnos e alumnas de 4º e 5º de Educación Primaria do CEIP Manuel Mallo Mallo de Nadela.

Realizamos unha actividade englobada dentro do proxecto de sensibilización sobre a inclusión social organizado pola Federación de Asociacións de ámbito social de Lugo (FADAS Lugo).

En primeiro lugar, falamos cos nenos e nenas sobre a síndrome de Down, derribamos mitos e compartimos experiencias.

A continuación, os nenos e nenas agrupáronse en equipos e reflexionaron e compartiron a súa opinión sobre diferentes aspectos: tipos de barreiras que encontramos as persoas na sociedade, varias situacións de discriminación por ter discapacidade e o valor que podemos aportar á sociedade independentemente das nosas características persoais.

Finalmente realizamos un taller de elaboración de pulseiras co lema “Todas Incluídas”. Un recordo da actividade que simboliza o compromiso de cada persoa coa loita contra as barreiras e pola inclusión social.

A participación do alumnado foi moi boa e xurdiron ideas e conclusións moi enriquecedoras.

Queremos dar as grazas ao CEIP Manuel Mallo Mallo por contar con nós e a todos os nenos e nenas pola marabillosa acollida que tivemos nesta xornada.