982 240 921

Home Destacados Un mes de xullo cheo de experiencias

Un mes de xullo cheo de experiencias

Coa chegada do verán e o fin das actividades formativas, na Asociación aproveitamos o mes de xullo para desfrutar dunha ampla variedade de actividades lúdicas.

Durante todo o mes vivimos momentos de aprendizaxe e convivencia, tanto dentro como fóra das nosas instalacións.

Participamos activamente na vida da cidade, sumándonos a actividades organizadas polo Concello como a actividade de Bailes Urbanos, ou recorrendo as rúas de Lugo coas nosas cámaras, capturando a vida cotiá alá onde os nosos ollos de fotógrafos e fotógrafas encontraban unha historia que contar. Tamén visitamos exposicións culturais que espertaron a nosa curiosidade e realizamos rutas de sendeirismo por algunhas das zonas verdes de Lugo. Ademais, aproveitamos para refrescarnos na piscina municipal, compartir momentos tranquilos dando paseos e tomando algo en distintas cafeterías, e pasamos unha divertida xornada xogando a xogos de mesa nunha tenda especializada da cidade.

Na sede da Asociación tamén realizamos varias actividades: creamos xoguetes para cans, que posteriormente levaremos a protectoras de animais da costa de Lugo; construímos xogos tradicionais con materiais de refugallo, e desfrutamos de sesións de ioga que nos axudaron a relaxarnos e conectar co noso corpo. Un dos momentos máis consolidados e con máis tradición dentro das actividades lúdicas de verán foi o taller de pintura impartido por unha das nosas propias usuarias, que un ano máis compartiu a súa paixón co resto do grupo.

Tamén tivemos a sorte de colaborar con diferentes entidades deportivas da nosa cidade, que nos brindaron experiencias novas e moi emocionantes. Puidemos iniciarnos no mundo da esgrima gracias ao Club Lugo Esgrima, metémonos no boxeo da man de Toni no seu ximnasio Esculture, vivimos unha aventura acuática co Club de Piragüismo Cidade de Lugo e desfrutamos dunha primeira toma de contacto co tenis grazas a unha sesión impartida por Team Maxi.

Gracias a todas as persoas e entidades que fixeron posible este mes tan enriquecedor.

Seguimos construíndo espazos de inclusión, diversión e crecemento!