Un novo emprego para loitar en primeira liña contra a pandemia

Jesús Pardo ten 23 anos e é un claro exemplo de que as persoas con discapacidade tamén poden loitar en primeira liña contra a pandemia da COVID-19.

Este mozo con discapacidade intelectual, usuario da nosa Asociación, acaba de asinar un contrato indefinido na empresa Clece, e desde comezos de novembro traballa limpando o centro de saúde Sagrado Corazón da capital lucense.

Sen perder o sorriso, aínda que non se lle vexa pola máscara, acode ao centro sanitario de luns a venres en horario de tarde para levar a cabo todas as súas tarefas.

Esta non é a súa primeira experiencia laboral, xa que este mozo xa traballou con anterioridade como repartidor de publicidade, axudante de cociña, operario de limpeza e conserxe nunha comunidade de veciños da cidade.

Tras os primeiros días de traballo, Jesús amósase moi contento por iniciar esta experiencia e por poder demostrar así as súas capacidades.

Convenio entre Down Galicia e Clece

Esta contratación asinouse ao abeiro do convenio de colaboración que o pasado mes de febreiro asinaron a Federación Down Galicia e a compañía multiservizos Clece S.A.

O acordo recolle a realización de distintas accións para promover a inserción laboral das persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais a través da sensibilización das persoas traballadoras de Clece e das súas filiais, co obxectivo de minimizar as diferentes barreiras coas que se atopa o colectivo no proceso de busca de emprego.