982 240 921

Home Destacados Unha fin de semana inesquecible en Fisterra!

Unha fin de semana inesquecible en Fisterra!

Do 4 ao 6 de xullo vivimos un dos momentos máis esperados do ano: a nosa viaxe de fin de curso! Unha ocasión especial que vai máis alá dunha simple escapada, porque nos permite convivir, compartir risas, aventuras e crear recordos únicos.

O venres arrincamos a fin de semana con calma. Foi un día tranquilo gozando da Praia da Ribeira, onde non faltaron os mergullos. Máis tarde, puxémonos guapos/as para cear fóra.

O sábado aproveitámolo ao máximo: demos un paseo polas rúas de Fisterra, onde nos atopamos cunha foliada na que non dubidamos en sacar os nosos mellores puntos de baile, e despois visitamos o Castelo de San Carlos. Ao mediodía, compartimos unha comida no albergue e, despois dun merecido descanso, fomos camiñando ata o “Fin do Mundo”, onde puidemos gozar das incribles vistas desde o faro.

O domingo, aínda que o tempo non foi o mellor, tivemos tempo para pasear polo pobo e fomos comer á praia de Pindo. Antes de regresar, fixemos unha última parada para visitar o castelo de Vimianzo, poñendo así o broche final a unha fin de semana de emocións.

Esta actividade, enmarcada no programa Iniciativa Xove, está subvencionada pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, a través da Dirección Xeral de Xuventude da Xunta de Galicia.