O 16 de setembro os rapaces e rapazas da nosa Asociación realizaron unha viaxe para coñecer dúas das vilas máis emblemáticas do Camiño de Santiago en Galicia, como son, O Cebreiro e Samos.
No Cebreiro, divididos en pequenos grupos, visitaron, coñeceron e fotografaron en profundidade tanto o pobo como o seu patrimonio: a igrexa de Santa María Real, as súa pallozas milenarias, o museo etnográfico e a súa contorna natural, que os abraiou coa súa impresionante paisaxe.
Posteriormente, en Samos, lugar de paso obrigado no camiño a Santiago para todos os peregrinos que realizan o Camiño Francés, tamén puideron fotografar os seus lugares máis coñecidos: o mosteiro, o paseo fluvial ou a casa dos biscoitos.
Logo da viaxe, tocará revisar as fotografías, escoller as máis bonitas e preparalas para organizar unha exposición que reflicta a beleza e grandeza cultural e humana do Camiño de Santiago, así como para dar a coñecer á sociedade que as persoas con discapacidade intelectual e/ou síndrome de Down tamén teñen dereito a participar neste tipo de actividades e desfrutar da súa riqueza cultural e paisaxística.
Esta viaxe forma parte do noso proxecto de dinamización do Xacobeo 2021 Olladas do Camiño, subvencionado pola Axencia Turismo de Galicia, dentro do programa O teu Xacobeo.