A Revista Española de Discapacidad (REDIS), editada e coordinada polo Centro Español de Documentación sobre Discapacidad (CEDD) e promovida polo Real Patronato sobre Discapacidad y la Dirección General de Políticas de Discapacidad, publicou este martes 10 de decembro o seu último número do ano 2019.
Na súa sección Tribuna, onde se presentan reflexións e boas prácticas de entidades, profesionais ou persoas con discapacidade, a Federación Down Galicia publicou o seu artigo “Síndrome de Down y envejecimiento: una nueva situación que afrontar”.
Este escrito céntrase na resposta das entidades Down de Galicia ante unha situación descoñecida ata o momento, o envellecemento precoz de moitos dos seus usuarios e usuarias. Deste xeito, preséntase o traballo levado a cabo pola Comisión de Envellecemento da entidade, creada por mor desta nova realidade, a relación entre a síndrome de Down e a enfermidade de Alzhéimer e as conclusións sobre os beneficios dun envellecemento activo.
Le o artigo completo aquí.
REDIS, que se compón dun volume anual con dous números semestrais, é unha revista electrónica de acceso aberto orientada á publicación de artigos de investigación ou de reflexión académica, científica e profesional sobre discapacidade, desde unha perspectiva multidisciplinar. A revista está dirixida a todas as persoas e entidades que traballan e investigan no campo da discapacidade, atópase recoñecida co selo de calidade FECYT e está incluída nas seguintes bases de datos, índices e directorios: Redib, Dialnet, Dulcinea, DOAJ, Ebsco, ISOC, Latindex, ERIH Plus, CIRC, The Knowledge Network, ESCI e MIAR.
Tanto este como o resto de números publicados poden consultarse na páxina web da Revista Española de Discapacidad.