982 240 921

Home Destacados Autónomos na cociña gracias ao programa de Autonomía Doméstica de Down Lugo

Autónomos na cociña gracias ao programa de Autonomía Doméstica de Down Lugo

“… limpar o brócoli quitándolle os tallos grosos…, pelar e cortar os allos…; mentres nunha pota poñer auga a ferver cunha culler de sal …”

Así comeza unha das sinxelas e saudables receitas que elaboran semanalmente as persoas participantes no programa de Autonomía Doméstica de Down Lugo.

Un programa que leva en activo dende fai máis de 13 anos e no que actualmente un total de 17 persoas con síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais entran na cociña da Asociación en pequenos grupos e se poñen mans á masa.

Cada semana, un/ha dos cociñeiros/as do grupo escolle unha receita para posteriormente, xunto cos seus compañeiros e compañeiras, elaborala cos ingredientes que compran no supermercado da zona. Ademais das tarefas propias da receita como cortar, pelar, lavar, fritir, cocer … repártense outras tarefas como poñer a mesa, fregar a louza, pasar a fregona ou limpar a vitrocerámica, por exemplo.

O principal obxectivo do programa é que as persoas participantes adquiran as habilidades, destrezas e os coñecementos básicos necesarios para desenvolverse con autonomía nas tarefas do ámbito doméstico, pero, en realidade, participar neste programa ten moitos máis aprendizaxes que os meramente domésticos.

Á hora de cociñar póñense en práctica outros coñecementos e habilidades como a lectoescritura, a comprensión lectora, o cálculo, a capacidade de organización … e cada día se reforzan valores tan importantes como a responsabilidade, o traballo en equipo, a tolerancia, a paciencia, o respecto ou a prudencia.

E que, sen dúbida, nas actividades cotiás que nos permiten experimentar en primeira persoa, como é a cociña, aprendemos grandes leccións.

Ahhh!!! Sona o timbre da vitro! … Toca probar a receita!