O pasado 10 de xullo, BBVA e Down Galicia presentaron esta mañá, en Santiago de Compostela, unha nova edición do programa de prácticas formativas ‘Emprego con Apoio’, que axuda a mozos e mozas coa síndrome de Down e discapacidade intelectual a adquirir experiencia laboral facilitando o proceso de procura de emprego, á vez que contribúe ao desenvolvemento das súas habilidades sociais.
Esta edición arrincou coa realización de tres talleres científico- prácticios para facilitar a comprensión de fenómenos da natureza. Neste acto celebrado en Santiago de Compostela, Yolanda Martínez-Baixo, directora do Territorial Noroeste de BBVA, José Manuel Martín Serrano, director de Zona de BBVA en Galicia Centro; e Delmiro Prieto, presidente de Down Galicia, entregaron os diplomas aos 14 participantes do 2018 e deron a benvida aos sete que este ano participan no programa.
Desde 2012, o programa ‘Emprego con Apoio’, promovido por BBVA, en colaboración con Down Galicia apoiou a formación de 105 mozos. A través da realización de prácticas formativas en oficinas galegas da entidade bancaria, os participantes adquiren unha experiencia laboral favorecendo a súa integración en diferentes equipos de traballo.
Ao longo deste ano, os sete participantes traballarán en sesións de catro horas diarias durante un período que vai dun a dous meses en actividades administrativas, e que levarán a cabo en cinco oficinas de BBVA en Galicia. O programa ‘Emprego con Apoio’ supuxo en todas as súas edicións anteriores unha experiencia moi positiva e de gran valor non só para os mozos participantes, senón tamén para os empregados do banco.
Laura e Adrián son dous dos usuarios de Down Lugo que este ano realizarán as súas prácticas nas oficinas do BBVA máis próximas o seu lugar de residencia, concretamente en Becerreá e na oficina central da Rúa da Raíña, respectivamente. Outros dos usuarios que realizaron prácticas no ano 2018 foron Jose na oficina de Ribadeo, Carlota na oficina de Vilalba, Nazaret na oficina de Lourenzá e Javier na oficina da Avenida da Coruña, en Lugo.
Yolanda Martínez-Baixo, directora do Territorial Noroeste de BBVA, destacou o esforzo e a dedicación de todos os mozos que realizaron as prácticas. “Demostrastes o importante que é crer en vós mesmos, esforzarvos por conseguir os vosos obxectivos e en definitiva, ser capaces de facer os vosos soños realidade”, declarou Yolanda.
Pola súa banda, Delmiro Prieto, presidente de Down Galicia, resaltou a importancia das oportunidades laborais para as persoas coa síndrome de Down e discapacidade intelectual, así como a transcendencia deste tipo de iniciativas. “Con este programa de prácticas, BBVA outorga visibilidade ás persoas con capacidades diferentes. É unha gran oportunidade que axuda a dar os pasos cara a inclusión laboral e debe culminar cun contrato efectivo”.