982 240 921

Home Destacados Colabora con Down Galicia reservando un fantástico parasol no teu quiosco polo...

Colabora con Down Galicia reservando un fantástico parasol no teu quiosco polo Día Mundial da Síndrome de Down

“No camiño da inclusión, tod@s compartimos viaxe” é o lema co que as entidades Down en Galicia e La Voz de Galicia poñen á venda un parasol de aluminio para coche con motivo do Día Mundial da Síndrome de Down de 2024.

A venda deste produto ofrece a todas aquelas persoas que o desexen a oportunidade de colaborar de forma directa cos programas de inclusión e autonomía persoal que desenvolven as entidades Down en Galicia.

Deste xeito, toda aquela persoa que estea interesada en adquirir este parasol debe reservalo no seu quiosco máis próximo desde o luns 11 ata o xoves 14 de marzo, para poder recollelo entre os días 18 e 24 de marzo por tan só 4,95€.

Este parasol, con dobre cara de aluminio, ten unhas medidas de 130×65 cm. e conta con dous orificios de aceiro inoxidable en ambas esquinas superiores para a colocación das ventosas de suxeición á lúa do vehículo, aínda que tamén pode ser amarrado coas viseiras do mesmo. Dispón tamén de dúas gomas elásticas incorporadas para poder enrolalo e gardalo.

Ademais, presenta un atractivo deseño que busca implicar a toda a sociedade no obxectivo de incluír ás persoas coa síndrome de Down en tódolos ámbitos da vida. Porque depende de todas e de todos que poidan participar de forma activa, como unha persoa máis, de todas aquelas actividades que conforman o noso día a día: aprender na escola, xogar, saír, traballar… O obxectivo está nas nosas mans. Fagámolo posible!

Como cada ano, esta campaña pretende, principalmente, concienciar á sociedade e permitirlle aportar o seu gran de area para que as persoas coa síndrome de Down conten cos apoios necesarios e coas contornas adecuadas para levar unha vida autónoma, formando parte da súa comunidade de forma visible e activa, e demostrando as súas capacidades.

Esta iniciativa solidaria é posible grazas á colaboración desinteresada de La Voz de Galicia, que doará a Down Galicia o beneficio íntegro de cada parasol vendido co seu xornal.