Coñece o modelo de inclusión e promoción da autonomía persoal das entidades Down de Galicia

inclusión social é un proceso que busca garantir que todas as persoas, independentemente da súa orixe ou condición social, teñan acceso aos recursos e oportunidades necesarias para participar na sociedade e realizarse como persoas. É dicir, sen importar as súas características persoais, as súas habilidades, as súas necesidades e/ou se ten ou non discapacidade.

Por tanto, a inclusión é un enfoque que responde positivamente á diversidade das persoas e as diferenzas individuais, entendendo que non son un problema, senón unha oportunidade para o enriquecemento da sociedade a través da participación activa de todas as persoas na vida familiar, no ámbito educativo, no laboral e, en xeral, en todos os ámbitos sociais, culturais e da comunidade.

En definitiva, a inclusión permite a participación activa e a igualdade de oportunidades de todas as persoas, eliminando as barreiras actitudinais, comunicativas, arquitectónicas ou cognitivas.

Dende a súa constitución, a Federación Down Galicia e as súas entidades membro, definiron un modelo de traballo propio, marcado, sobre todo, polo compromiso social a favor da inclusión e pola participación social e a promoción da autonomía persoal das persoas coa síndrome de Down e discapacidade intelectual.

Na definición deste modelo, tivéronse como referencia 3 piares fundamentais, que guían o traballo do Movemento Down en Galicia:

  • Convención de dereitos das persoas con discapacidade, que define a discapacidade como o resultado da interacción entre esta e as barreiras sociais que dificultan a participación plena, e reafirma que todas as persoas deben poder gozar de todos os Dereitos Humanos e liberdades fundamentais.
  • modelo social da discapacidade, que, fronte ao modelo clínico que centra a discapacidade nas limitacións individuais, destaca a interacción entre a persoa e o seu ambiente, considerando capacidades e fortalezas e introducindo a idea de apoio para superar ou eliminar as posibles dificultades.
  • modelo de calidade de vida, que ten en conta o conxunto de condicións que contribúen ao benestar persoal e social: benestar físico, benestar emocional, relacións interpersoais, inclusión social, desenvolvemento persoal, benestar material, autodeterminación e dereitos.

O sentido principal da definición deste modelo vén dado pola necesidade de establecer unha serie de criterios de actuación básicos para garantir a coherencia, eficacia e éxito das actuacións que se desenvolven dende o “Servizo de Promoción da Autonomía Persoal” das entidades Down en Galicia.

Deste xeito, á hora de definir as nosas actuacións e os nosos servizos, tratamos de asegurar que estean aliñadas coas seguintes premisas e ideas clave:

  1. Garantir a igualdade de oportunidades das persoas, traballando coa súa contorna para que sexa accesible.
  2. Favorecer a participación nos recursos e actividades existentes para toda a poboación.
  3. Promover a accesibilidade e o deseño universal para todas as persoas.
  4. Reivindicar e traballar para que todas as persoas, con independencia das súas características persoais, poidan gozar de todos os dereitos humanos e liberdades fundamentais.
  5. Promocionar a vida autónoma, a independencia e o poder de decisión da persoa.
  6. Traballar dende a planificación centrada na persoa, deseñando itinerarios personalizados no que cada persoa identifique as súas metas, e favorecendo a calidade de vida familiar.
  7. Maximizar as capacidades e oportunidades das persoas.
  8. Poñer o foco da discapacidade no contexto, e non na propia persoa.
  9. Centrar a relación da persoa co ambiente que a rodea, no que poida participar e relacionarse.
  10. Fomentar cambios que a sociedade debe levar a cabo para eliminar ou minimizar as barreiras en termos de actitudes e comportamentos, apoio social, información, estruturas físicas, etc.
  11. Sensibilizar á sociedade na necesidade de apoios naturais para superar ou eliminar as diferentes barreiras.
  12. Prover apoios personalizados ao longo de toda a vida.

Consulta a infografía sobre o modelo de inclusión e promoción da autonomía personal das entidades Down.

Contigo podemos máis!