Dando resposta a un dereito básico, traballar

O programa de Emprego con Apoio, un dos estandartes do movemento Down, leva en marcha desde nin máis nin menos que 2002. O obxectivo do mesmo é darlle resposta a un dereito básico na vida de todas as persoas, traballar. Para iso os profesionais da Asociación contactan coas empresas da contorna na que viven as persoas usuarias, a fin de explicarlles as vantaxes de contratar a unha persoa con síndrome de Down ou outras discapacidades intelectuais.

Para que a incorporación da persoa con discapacidade na súa nova empresa sexa un éxito, tanto ela como a empresa contan coa figura do preparador laboral, un técnico da Asociación que facilita en todo momento o proceso de aprendizaxe e adaptación ás tarefas a realizar.

Como foron estes anos de traxectoria?

Ao longo destes case vinte anos de andadura 30 persoas distintas do programa de Emprego con Apoio da nosa Asociación traballaron en máis de corenta empresas da provincia, convertendo a Down Lugo nun referente da nosa comunidade, demostrando que as persoas con discapacidade non só poden traballar, senón que o poden facer en diferentes ámbitos laborais con moito éxito.