Down Lugo, como entidade integrante da Rede Lucense de Voluntariado, celebrou o pasado 5 de decembro o Día Internacional do Voluntariado cunha tarde de actividades organizada na planta baixa da Praza de Abastos de Lugo. A xornada reuniu nun ambiente festivo a persoas voluntarias, persoas usuarias e familias de distintas entidades sociais, así como a veciñas e veciños de Lugo, pensado para recoñecer e dar visibilidade ao enorme valor das persoas voluntarias da nosa cidade.
Despois da lectura do manifesto arrancou un bingo musical cheo de humor, música e sorpresas. Despois dos premios e as risas no bingo, a tarde concluíu cunha chocolatada con churros, que axudou a crear un espazo de convivencia entre as persoas asistentes. Ademais, contamos cunha visita moi esperada por algunhas persoas, a visita de Maximus, a mascota do Club Baloncesto Breogán.
Dende a Asociación Down Lugo queremos agradecer a participación de todas as persoas na xornada e reforzar o noso compromiso con espazos de encontro que promovan a participación e co voluntariado que é un piar esencial para construír unha comunidade máis xusta, solidaria e inclusiva.










