Down Lugo colabora coa asociación Michos de Lugo no coidado e benestar das colonias felinas da cidade

Durante este pasado mes de setembro, aproveitando o reinicio das actividades tralo parón do verán, un grupo de persoas usuarias de Down Lugo realizaron labores de voluntariado coa asociación local Michos de Lugo. Desta forma, nestas últimas semanas, varios mozos e mozas da entidade realizaron distintos materiais para o descanso dos gatos das colonias da cidade.

Empregando como base caixas de froita, os voluntarios e voluntarias crearon camas que, tras ser pintadas e decoradas, serán repartidas entre as casas de acollida e adopción dos felinos ou serán vendidas nos mercadiños solidarios que a asociación Michos de Lugo organiza ao longo do ano.

Así mesmo, durante a execución desta actividade, as persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais concienciáronse sobre a importancia do coidado e o benestar dos animais e asentaron a idea de que as persoas con discapacidade tamén poden exercer como axentes activos do cambio mellorando a súa contorna a través do voluntariado.

Esta non é a primeira vez que as persoas usuarias de Down Lugo realizan labores de voluntariado, xa que antes da chegada da pandemia, varios mozos e mozas asistían con regularidade a un centro de día da cidade, onde compartiron tempo coas persoas maiores. Axudáronlle en exercicios de memoria, xogaron xuntos ao bingo, fixeron traballos manuais, acompañáronos ao comedor, conversaron de temas do día a día…

O acto de entrega do material elaborado, no que participaron representantes das dúas entidades e as persoas voluntarias encargadas da elaboración das camas, tivo lugar o mércores 27 de outubro no local da nosa Asociación.

Sarai Lodeiro, traballadora de Down Lugo encargada da actividade, destacou “para nós foi un pracer ver a boa acollida que tivo a iniciativa entre os participantes, que non so desfrutaron moito durante esta primeira fase de colaboración, senón que están con ganas de poder ir puntualmente a alimentalos e por parte de Michos de Lugo pola ilusión coa que recibiron a proposta. Esperamos que esta sexa a primeira de moitas colaboracións que podamos facer entre as asociacións”.

Así mesmo, Michos de Lugo, que ten entre os seus obxectivos a promoción de boas prácticas de convivencia con gatos da rúa na sociedade, valora moi positivamente a colaboración recibida dende Down Lugo, e recibe con satisfacción e agarimo os materiais realizados polos mozos e mozas para o descanso dos gatos das colonias da cidade.

A Xunta Directiva de Michos de Lugo agarda que esta primeira colaboración poida ter continuidade, considerando que constitúe un bo exemplo de resposta da sociedade ante a obriga de respectar e atender aos gatos da rúa, lembrando as palabras de Gandhi “a grandeza dunha nación e o seu progreso moral poder ser xulgados polo xeito en que se trata ao seus animais”.

Michos de Lugo é unha asociación de carácter local que ten como finalidade o control e coidado das colonias de gatos da cidade de Lugo. Fináncianse a través dun convenio coa administración local, das doazóns recibidas  e das achegas dos seus socios e socias e todos os seus membros son persoas voluntarias. Traballan baixo o método CES (captura, esterilización e solta) e os seus obxectivos son atender ás colonias felinas, buscar un fogar para os gatos das colonias rescatados e sufragar tamén os gastos derivados do coidado dos gatos enfermos en clínicas veterinarias colaboradoras.