Durante este curso o CPR Inmaculada Maristas levou a cabo un proxecto que pon o foco na inclusión a través dun maior coñecemento da síndrome de Down. O proxecto, titulado “O diario de Berta”, conta o día a día na escola de Berta, unha rapaza misteriosa coa síndrome de Down.
Entre as distintas actividades que compoñían o proxecto, no mes de xuño, Chus e Carlos, persoas usuarias da nosa Asociación, participaron nalgunha delas.
Chus, que ademais é traballadora do centro educativo, acudiu ás aulas de 3º de primaria para contar as súas experiencias profesionais, e que desta forma puideran coñecela un pouco máis.
Carlos, pola súa banda, acudiu coas nenas e nenos da súa aula de terceiro de primaria para visitar a entidade Down. Nesa visita Carlos foi o auténtico protagonista. Mostroulles todo o local e faloulles sobre as actividades que realiza cando vén á Asociación. Finalmente, todos/as realizaron un concurso por equipos demostrando todo o que aprenderon sobre a síndrome de Down e discapacidade.
Por outra parte, os días 3, 4 e 5 de xullo, o centro educativo invitou ao equipo profesional da Área de Educación de Down Lugo a impartir unha formación aos/ás docentes sobre Deseño Universal de Aprendizaxe (DUA) e boas prácticas en Inclusión Educativa.
Nun ambiente moi agradable, derribaron barreiras que impiden a educación inclusiva, reflexionaron, multinivelaron actividades e deseñaron traballos fantásticos sobre diferentes temáticas, dando resposta á diversidade que nos encontramos nas aulas.
Queremos dar as grazas ao CPR Inmaculada Maristas por darnos a posibilidade de colaborar durante todo o curso e por demostrar que a educación inclusiva si é posible!