Dende fai tres meses Down Lugo participa no proxecto LeoVoluntarios de Down España.
Trátase dun proxecto que quere achegar ás persoas con síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais o hábito da lectura e da narración de historias en público a través dos libros silenciosos.
Os libros silenciosos son libros ilustrados sen textos nos que as imaxes son as portadoras do sentido da historia. Esta ausencia de palabras impresas amplía as posibilidades de interpretación da persoa que le a historia.
Nunha primeira fase do proxecto, profesionais da Asociación recibiron formación de Alicia Bululú (narradora oral e animadora á lectura) sobre como ensinar a crear e narrar contos e sobre como entender a lectura. Despois, trasladaron estes coñecementos aos futuros leovoluntarios da entidade que quixeron participar no proxecto. Nestas sesións de formación púxose en práctica a lectura dos libros silenciosos e traballaron distintas estratexias para narrar historias en público.
Terminadas estas sesións formativas os rapaces e rapazas asistiron a unha masterclass online con Alicia Bululú para rematar de afianzar conceptos e para recibir os seus mellores consellos sobre como contar a historia de cada conto. Foi unha sesión na que aplicaron cada un dos consellos, dende, por exemplo, poñer distintas voces, ata como coller o libro para pasar as follas. Durante esta sesión creouse un espazo no que cada unha das entidades de Down España participantes no proxecto compartimos o conto elixido e no que comprobamos que en moitas ocasións coincidíamos en gustos.
Agora queda a segunda fase, compartir estas historias co público. Está previsto levar a cabo a lectura das historias nun centro de día e nun centro educativo da nosa cidade.
Está sendo unha experiencia enriquecedora na que se constata que a lectura non é unha barreira para ser un gran leovoluntario.