Down Lugo sae á rúa a reclamar dereitos polo Día Mundial da Síndrome de Down

Co gallo do Día Mundial da síndrome de Down, que se celebrou o 21 de marzo en todo o mundo, colocamos onte pola mañá na Praza Maior de Lugo unha mesa informativa e unha exposición fotográfica sobre emprego inclusivo para dar visibilidade ao traballo da entidade e sensibilizar acerca das capacidades das persoas con síndrome de Down.

Xa pola tarde, organizamos unha andaina reivindicativa, na que participaron persoas usuarias, familias, voluntarios e voluntarias da Asociación Sénior de Telefónica de Lugo (Astelu) e representantes de distintas institucións. Esta marcha recorreu as rúas do centro da cidade e finalizou na Praza Maior coa lectura do Manifesto pola Promoción da Autonomía Persoal.

Foi unha xornada na que as persoas con síndrome de Down integrantes da Asociación se encargaron de descartar mitos e prexuízos sobre a síndrome de Down, e reivindicaron unha vez máis os seus dereitos como cidadáns de pleno dereito, incidindo na importancia da inclusión e da eliminación das barreiras existentes na contorna.

Ademais destes actos e para dar máis visibilidade a esta data ilumináronse de azul e amarelo os edificios do Concello de Lugo e da Deputación de Lugo e a pasarela Tanxurela.

Máis información: aquí e aquí