O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de emitir a sentenza correspondente ao recurso contencioso-administrativo presentado en xullo de 2024 pola Federación Down Galicia contra a Orde do 7 de maio de 2024 pola que se regula a participación no fondo solidario de libros de texto e se convocan as axudas para adquirir libros de texto e material escolar destinadas ao alumnado matriculado en educación primaria, educación secundaria obrigatoria e educación especial en centros docentes sostidos con fondos públicos para o curso escolar 2024/25 da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
Como xa pasou coa sentenza relativa ao anterior recurso contencioso-administrativo presentado por Down Galicia contra a mesma orde de axudas para adquirir libros de texto e material escolar do curso 2023/2024, neste documento, o máximo órgano do poder xudicial en Galicia dá novamente a razón á Federación ao considerar discriminatoria a mencionada normativa. Nas súas páxinas, a sentenza indica que é indubidable a diferenza de trato que a orde dispensa ao alumnado con necesidades específicas de apoio educativo escolarizado en centros ordinarios en modalidade inclusiva ou que non alcancen un determinado grao de discapacidade (65%), respecto do alumnado escolarizado en centros específicos de educación especial ou en unidades de educación especial en centros ordinarios.
Así mesmo, a sentenza recolle que “non se atopa xustificación razoable para conceder as axudas prioritariamente a quen reciba educación en centros específicos ou en unidades de educación especial de centros ordinarios”, pois vai en contra da primacía que se debe outorgar á educación inclusiva, e fai fincapé en que “se vulnera o principio de igualdade” no acceso ás axudas, ao excluír ou fixar condicións máis restritivas, baseadas na renda familiar, ao alumnado en réxime de inclusión educativa fronte ao alumnado en réxime de educación especial.
En resumo, a sentenza estima integramente o recurso presentado pola Federación Down Galicia, anulando as disposicións impugnadas e resaltando que a normativa establece unha inxustificada diferenza de trato que infrinxe o artigo 14 da Constitución Española e vulnera o dereito fundamental á educación inclusiva.
Delmiro Prieto, presidente de Down Galicia, considera que a orde recorrida “establecía unha discriminación clara en prexuízo da educación ordinaria” e destaca que “á vista do resultado desta nova sentenza, confiamos en que a Consellería de Educación adecúe por fin a orde e consiga que sexa igual para todos e todas dunha vez”.
Presentación dun novo recurso ante unha normativa discriminatoria
Este é xa o segundo recurso contencioso-administrativo que a Federación Down Galicia presenta contra unha orde de axudas para adquirir libros de texto e material escolar da Xunta, trala presentada o ano pasado contra a mesma convocatoria referida ao curso escolar 2023/2024.
Naquel momento, tras máis de dez anos de reclamacións á Xunta de Galicia, Down Galicia decidiu presentar o primeiro recurso contencioso-administrativo contra esta orde de axudas, baseándose na clara discriminación da normativa cara o alumnado que aposta pola educación inclusiva.
No seu momento, o presidente de Down Galicia explicaba que “despois de 10 anos esperando a que a Consellería rectificase unha orde claramente discriminatoria e vendo que continuaban incumprindo a súa promesa de traballar en conxunto para modificala, non nos quedou máis remedio que acudir á vía xudicial para que a xustiza se pronunciase sobre este tema e as ordes dos próximos anos sexan xustas e igualitarias para con todo o alumnado con discapacidade”.
A reivindicación do Movemento Down en Galicia, iniciada no ano 2014, sempre se centrou na necesidade de que todo o alumnado con necesidades específicas de apoio educativo fose tratado en igualdade de condicións, independentemente do seu grao de discapacidade ou do tipo de escolarización. É dicir, que a orde contemplase os mesmos requisitos para o alumnado con discapacidade igual ou superior ao 33% independentemente do centro educativo que escolla para ser educado: ordinario ou específico.
Sen embargo, as ordes de axudas de libros e material escolar da Xunta de Galicia incorporan un réxime diferenciado e específico nas axudas dos libros de texto e material escolar para, por un lado, o alumnado matriculado en Educación Especial, en centros específicos ou en unidades de Educación Especial de centros ordinarios; e, por outro, para o alumnado cunha discapacidade igual ou superior ao 65%.
Deste xeito, o alumnado matriculado en réxime de educación especial recibirá a contía máis alta para adquirir libros de texto (300€), así como para material escolar (75€), sen ningún tipo de requisito máis que estar matriculado nun centro de educación especial ou análogo, mentres que a contía da axuda para o alumnado con discapacidade escolarizado en educación ordinaria dependerá da renda per cápita da unidade familiar e, no caso das axudas para a adquisición de libros de texto, non alcanza en ningún momento a cantidade máxima.
O mesmo sucede con aqueles alumnos ou alumnas cunha discapacidade igual ou superior ao 65%, xa que reciben a contía máis alta sen ter que cumprir ningún outro requisito.
Modificación da orde por parte da Administración
Trala publicación da anterior sentenza en xuño de 2024, a Federación Down Galicia enviou un escrito dirixido á Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, solicitando a modificación da orde para o presente curso escolar 2024/2025, publicada nos mesmos termos que as anteriores, coa fin de adaptala á sentenza do TSXG.
Mais a Consellería de Educación non fixo nada por modificar esta convocatoria de axudas nin deu resposta ao escrito da Federación. É por iso que Down Galicia se veu obrigada a presentar un novo recurso contencioso-administrativo contra a mencionada normativa.
Cómpre indicar que a primeira sentenza do 26 de xuño de 2024 foi xa declarada firme o 23 de outubro de 2024 por non ter sido impugnada pola Xunta de Galicia, polo que a Federación Down Galicia espera que a administración autonómica cumpra nesta ocasión coa lexislación e teña en conta estas sentenzas antes da publicación da orde de axuda de libros e material escolar correspondente ao curso escolar 25-26.
A educación inclusiva, opción preferente segundo a xurisprudencia española
A Federación Down Galicia celebra esta nova sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, xa que, ademais de considerar novamente discriminatoria a orde recorrida, pon de manifesto unha vez máis que a educación inclusiva é a opción prevalente segundo a xurisprudencia do Tribunal Supremo e a doutrina do Tribunal Constitucional.
Para a defensa deste recurso, Down Galicia decidiu contar por segunda vez con Juan Rodríguez Zapatero, experto en dereito administrativo e en cuestións xurídicas sobre discapacidade, especialmente, sobre educación inclusiva, quen destaca tres aspectos esenciais desta sentenza.
En primeiro lugar, a sentenza declara esta orde incompatible, non só coa lexislación educativa, senón coa Convención sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade, a diferenza de trato e o feito de dar prevalencia nas axudas escolares a alumnado con discapacidade polo feito de estar matriculados en centros específicos ou unidades específicas en centros ordinarios. E di literalmente a sentenza que “todos os alumnos con discapacidade merecen o mesmo trato e iso ten que ter o seu reflexo nas axudas económicas”.
Por outra banda, debe destacarse que a sentenza rexeita na súa totalidade a argumentación da Xunta de Galicia para xustificar esa diferenza de trato en función do grao de discapacidade. É contundente ao destacar que a valoración do grao de discapacidade non pode servir como parámetro obxectivo para establecer ese trato dispar “pois non ten vinculación algunha coas necesidades educativas do alumno con discapacidade”. A xuízo de Rodríguez Zapatero, “este pronunciamento da sentenza é transcendente porque en moitas ocasións confúndese o grao de discapacidade coas necesidades educativas do alumnado e de aí derivan moitas actuacións lesivas e prexudiciais para alumnos e alumnas con discapacidade”.
Continúa o avogado dicindo que a sentenza é tamén rotunda ao destacar que a orde impugnada da Xunta de Galicia lesionou o artigo 14 da Constitución Española e o dereito fundamental á educación inclusiva “que é a prevalente segundo a xurisprudencia do Tribunal Supremo e a doutrina do Tribunal Constitucional”.
Rodríguez Zapatero conclúe indicando que “por todo o anterior, a Xunta de Galicia debe, de maneira inmediata, axustar as próximas convocatorias de axudas escolares a alumnado con discapacidade en función dos pronunciamentos destas sentenzas que lle vinculan xurídica, moral e politicamente”. “Quero destacar, por último, a tarefa de Down Galicia e o compromiso e o empeño que tivo a Federación e os seus integrantes para lograr finalmente evitar unha discriminación máis para o alumnado con discapacidade e en favor do dereito fundamental á educación inclusiva”, remata.