Durante este curso, o Programa de Ocio e Tempo Libre da Asociación retomou as actividades habituais despois de dous anos de restricións por causa da Covid-19. Deixamos o ocio online e empezamos a organizar saídas de ocio en pequenos grupos nas que fomos a tomar algo a cafeterías, a cear en restaurantes, ver pelis no cine e retomamos as actividades deportivas de piscina e pádel.
Con esta “volta á normalidade” as rapazas e rapaces participantes recuperaron relacións e aumentaron o seu tempo de ocio na comunidade, pero… tiñan unha espiña cravada. Tiñan moitas gañas de facer unha cea “ao grande”, unha cea en grupo grande onde poder compartir comida, tempo e diversión con máis compañeiros e compañeiras. E este venres 6 de maio por fin se realizou.
Despois da actuación do Mago Rafa na Deputación de Lugo, todos/as os/as que formamos parte do Programa dividímonos en dous grupos e fomos de cea. A ilusión estaba reflectida nas súas caras! Un dos grupos escolleu o restaurante El Cambalache e o outro grupo La Caseta de la Barra.
Esa noite pasámolo tan ben que estamos desexando que chegue a próxima!