Voluntariado en el Centro de Día ABRITE

????????????????????????????????????

Motivación, aprendizaxe, crecemento persoal, satisfacción, sentirse parte de algo…

Son algunhas das palabras que empregan os nosos voluntarios e voluntarias cando lles preguntamos sobre o que lles aporta facer voluntariado na nosa Asociación.

Durante todo o ano estas persoas colaboran apoiándonos nos diferentes programas para que os rapaces e rapazas consigan os seus obxectivos. Son, polo tanto, unha parte importante da nosa entidade e da labor que levamos a cabo.

Tomando como referencia a experiencia das nosas persoas voluntarias, a finais do ano 2017 pensamos en levar a cabo un proxecto no que os rapaces e rapazas fosen voluntari@s, demostrando desta forma as súas moitas capacidades prestando apoio a outras persoas.

Puxémonos en contacto co Centro de Día ABRITE para propoñerlles participar nesta experiencia, xa que pensamos que traballar con persoas maiores sería moi enriquecedor. Os responsables do centro mostráronse dende o primeiro momento abertos ao proxecto, e con moitas gañas de que esta experiencia fora satisfactoria para tod@s.

Unha vez que contamos coa colaboración do centro de día, foi o momento de presentarlles a idea aos rapaces e rapazas. Despois de pensalo e organizando os seus horarios, 7 deles decidiron vivir esta experiencia.

E así, en febreiro de 2018, comezamos a asistir a varias actividades do centro de día, de forma quincenal. Alí, durante hora e media, Alba, Carla, Fran, Laura, Mickel, Modesto e Sabela compartiron tempo, historias e momentos coas persoas maiores. Axudáronlles nos exercicios de memoria, xogaron xuntos ao bingo, fixeron traballos manuais, regaron plantas, acompañáronos ao comedor, conversaron de temas do día a día…

Foron meses moi gratificantes para tod@s os que colaboramos.

Cando en xuño lles preguntamos aos rapaces e rapazas que significou para el@s este voluntariado, escoitamos palabras e frases coma:

 Sentinme satisfeita ao colaborar, coñecín a outra xente, relacioneime con outras persoas, estiven máis contento, compartimos historias, fíxenlles compañía, din e recibín cariño, axudámonos, rimos xuntos…

Por isto e moito máis, actualmente Alba, Fran, Laura, Modesto, Sabela e Samuel continúan colaborando no centro de día de forma semanal.

Gracias a Manuel, Ramiro, Rocío e a todo o persoal do Centro de Día ABRITE por crer que as persoas con síndrome de Down e discapacidade intelectual aportan valor á sociedade e por ofrecerlles a oportunidade para demostralo.

E moitísimas grazas a todas e cada unha das persoas maiores que asisten cada día ao centro por permitirnos compartir con elas pequenos momentos que nos están deixando grandes recordos.