O 18 de abril tivemos a oportunidade de participar no Proxecto Ríos, realizado por ADEGA (Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza) en colaboración coa UNED de Lugo.
Este proxecto busca acercar as persoas aos ríos, estimulando o coñecemento, o ocio, a conservación e a mellora dos ríos e o medio natural.
Así, un grupo de 8 persoas usuarias da nosa entidade desprazáronse ata o barrio Tolda de Castela de Lugo e alí, da man de Ramsés Pérez (coordinador do Proxecto Ríos- ADEGA) e Paula Fernández (bióloga ambiental da UNED de Lugo) realizaron unha saída ao río. Nela visualizaron a recollida e identificación de macroinvertebrados do río e coñeceron a diversidade e calidade biolóxica dese tramo do mesmo ao realizar un pequeno censo das especies de flora e fauna máis común, así como da existencia de flora e fauna que non é orixinaria do hábitat.
Foi unha mañá moi interesante e diferente que nos permitiu descubrir un montón de información sobre o río e tomar conciencia sobre a importancia da súa prevención.