Fin de curso con ASTELU

Ao longo deste curso compartimos mensualmente uns talleres de debate online coas persoas voluntarias da Asociación Sénior de Telefónica de Lugo (ASTELU).

Dende outubro a maio realizamos un total de 16 talleres nos que se traballaron temas moi diversos como as fábulas, as emocións, a autoestima, a diversidade, as profesións…

Esta experiencia tan gratificante tivo como broche final unha pequena festa de despedida o pasado martes 22 de xuño, aproveitando a mellora da situación sanitaria e respectando as medidas de prevención establecidas. Así, en pequenos grupos de convivencia, puidemos compartir un bo rato en compañía das persoas voluntarias no piso da Asociación.

Foi unha tarde chea de momentos divertidos na que puidemos compartir todo o que nos aportaron os talleres de debate. Tivemos a sorte de poder contar co grupo Biouteiro que nos amenizou a tarde con boa música e, ademais, unha das voluntarias nos ofreceu unha clase de bachata.

Este fin de curso deixounos con moi bo sabor de boca e coas ganas de poder realizar unha festa todos xuntos.

Agradecer enormemente ás persoas voluntarias de ASTELU o seu tempo e as súas ganas, e emprazalas a setembro para seguir organizando accións conxuntas tan enriquecedoras.