Iria Villamarín, unha moza de 30 anos coa síndrome de Down e usuaria da nosa Asociación, acaba de asinar a renovación do seu contrato de traballo como repoñedora dun dos supermercados que Gadis ten na cidade de Lugo.
Esta é xa a súa segunda experiencia laboral na empresa de distribución alimentaria, onde xa traballou entre 2012 e 2015. Entre ese período e a súa volta á empresa en setembro de 2020 traballou durante un ano en Burger King.
A súa principal tarefa na tenda, a onde se despraza desde a súa casa en autobús de forma totalmente autónoma, é repoñer a sección de augas, gasosas e refrescos. O seu horario de traballo é de luns a sábado en horario de 10 a 14 horas.
Pero ademais da súa gran experiencia neste eido, Iria conta cunha gran formación como auxiliar de administración, tendo realizado prácticas en empresas como BBVA e entidades como a USC.
Desexámoslle moitos éxitos a Iria e agradecemos a Gadis a confianza no programa de Emprego con Apoio que Down Lugo desenvolve dende hai xa 20 anos.