Unha trintena de persoas usuarias de entidades Down en Galicia recibiron onte no Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia en Santiago un diploma acreditativo da súa participación nalgún dos cinco proxectos de formación prelaboral levados a cabo durante o último ano pola Federación Down Galicia.
O acto, presidido pola conselleira de Política Social, Fabiola García, contou coa participación de persoas usuarias de 16 entidades do ámbito social, participantes das 27 accións formativas financiadas pola propia Consellería a través das subvencións destinadas para o desenvolvemento de proxectos de asesoramento e formación de persoas con discapacidade na Comunidade Autónoma de Galicia.
Nesta ocasión, a Federación levou a cabo cinco proxectos dos que puideron beneficiarse 130 persoas usuarias das distintas entidades Down de Galicia, e que contaron cun financiamento total de 113.662,69 € para a súa realización.
O primeiro deles centrouse na preparación de oposicións autonómicas e estatais e tivo como principal obxectivo garantir ás persoas participantes a adquisición e mellora das competencias necesarias para presentarse a un proceso de oposición e superalo con éxito.
O segundo tiña por obxecto mellorar a alfabetización e exercitar as habilidades instrumentais básicas das persoas participantes, o que lles permitirá unha maior competencia social á hora de desenvolverse de maneira autónoma en actividades da súa vida cotiá.
O terceiro proxecto tiña como obxectivo a estimulación cognitiva das persoas con síndrome de Down e/ou discapacidade intelectual, para mellorar e exercitar as funcións cognitivas nas persoas participantes como base para lograr unha mellora da autonomía, as habilidades prelaborais e da súa participación na comunidade.
Finalmente, o cuarto e quinto proxecto centrábanse na especialización formativa. Desta maneira, un estaba enfocado á adquisición de competencias no ámbito da restauración, mentres o outro faría o seu co perfil profesional de ordenanza.
A inserción laboral das persoas con discapacidade intelectual e síndrome de Down é un proceso complexo. Estes proxectos ofrecen aos seus participantes a oportunidade de adquirir coñecementos e ferramentas que lles permitan ter a posibilidade de dispoñer dun traballo fixo, mellorando así a súa calidade de vida.
Desde Down Galicia non queremos deixar de destacar que este tipo de convocatorias son un gran avance, pois permiten financiar proxectos formativos orientados á adquisición de formación prelaboral e de habilidades para o desenvolvemento de actividades na vida cotiá, permitindo deste xeito unha preparación para unha futura inserción socio-laboral.
Usuarios de Down Lugo
Os usuarios de Down Lugo, Fran, Sabela, Iria e Alba, recibiron o diploma por participar no proxecto formativo de Formación e Preparación de Oposicións Autonómicas e Estatais para Persoas coa Síndrome de Down e Discapacidad Intelectual, impartido pola Federación Down Galicia.