O intercambio de experiencias e o desfrute dunha xornada distendida foron os eixos centrais do Encontro de Familias do Movemento Down en Galicia 2022, celebrado hoxe nas localidades de Santiago de Compostela e Teo.
Este encontro autonómico, ao que asistiron máis de 200 persoas, tivo por obxectivo principal proporcionar un espazo de encontro no que as persoas participantes puidesen compartir experiencias e coñecementos relacionados coa síndrome de Down e a discapacidade intelectual, así como desfrutar de tempo de ocio con persoas vencelladas ás entidades Down de Galicia.
A xornada do sábado deu comezo con actividades culturais. Así, as persoas asistentes puideron escoller entre realizar o último tramo do Camiño Francés desde o Monte do Gozo ou realizar visitas guiadas pola cidade de Santiago de Compostela.
Ao seu remate, dirixíronse ata o restaurante Los Robles (Teo) para continuar o día cunha sesión vermú e un xantar de confraternización no que puideron compartir ideas e vivencias con outras familias e profesionais participantes no Encontro.
No transcurso da sobremesa, contouse coa visita do Director Xeral de Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón, que quixo compartir un tempo coas familias presentes e desfrutar dun momento agradable xunto a elas.
Un programa para tódalas idades
Ao comezo da tarde, unha parte dos e das asistentes participaron nun relatorio impartido por Santiago Miguel Cruces, Fiscal delegado de apoio á persoa con discapacidade de Galicia, que versou sobre o impacto da Lei 8/2021, do 2 de xuño, pola que se reforma a lexislación civil e procesual para o apoio ás persoas con discapacidade no exercicio da súa capacidade xurídica e detallou como se poden establecer mecanismos de comunicación e colaboración coa Fiscalía. Na súa intervención, Miguel Cruces destacou que “todas as persoas deben ter dereito a equivocarse, porque as equivocacións forman parte do proceso evolutivo de cada un”.
De xeito paralelo ao relatorio vespertino, cativada e mocidade de tódalas entidades Down de Galicia, puideron gozar dun completo programa de actividades lúdicas e espectáculos con xogos tradicionais e diferentes obradoiros de pintacaras, tatuaxes e pulseiras. Con todo, o momento máis aplaudido da xornada foi a actuación do pallaso de Peter Punk, no que contemplaron abraiadas o espectáculo clown “Peor imposible”.
Para rematar a xornada, tódalas persoas participantes puideron desfrutar da actuación musical da banda interxeracional de Country & Blues “Deteriorados & Company”.
A clausura do evento veu da man de Delmiro Prieto, presidente de Down Galicia, que aproveitou a súa intervención para valorar positivamente a xornada e para agradecer a asistencia de todas as persoas presentes. Prieto quixo destacar a intervención “clara e concreta” do fiscal, Santiago Miguel Cruces, e destacou “que non estamos ante a simple modificación dunha lei, senón que é unha revolución legal que cambia o paradigma da discapacidade no conxunto da sociedade e contribúe a normalizar a vida daquelas persoas que o teñen máis complicado”.