Mocidade, autonomía, ocio e inclusión foron os piares sobre os que xirou o Encontro de mozos, mozas e persoas adultas 2022 celebrado durante esta fin de semana en Santiago de Compostela e no que participaron máis de 130 persoas con e sen discapacidade vencelladas a entidades Down de toda Galicia.
Esta xornada, organizada pola Federación Down Galicia, tivo como obxectivo principal proporcionar un lugar de encontro a mozos e mozas maiores de idade de toda a comunidade autónoma no que poder ampliar o seu círculo de relacións, crear novos lazos de amizade e poñer en común inquedanzas, preocupacións, soños e logros nun contexto de convivencia totalmente inclusivo.
Un programa cheo de ocio e diversión
Para a programación deste encontro, as entidades Down de Galicia tiveron en conta as opinións e suxestións das persoas participantes no mesmo, creando un programa acorde aos seus gustos e preferencias. Deste xeito, tras varias xuntanzas virtuais previas, estas acordaron que un espazo no que o ocio e o tempo de lecer fosen prioritarios sería o seu concepto ideal para unha xornada deste estilo.
Así, durante a mañá do sábado, as persoas participantes puideron escoller entre facer un tramo a pé do Camiño de Santiago ou participar en dous talleres de cociña e medio ambiente nas instalacións do Albergue Seminario Menor e o parque de Belvís.
Ao comezo da tarde, a Directora Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel Toimil, visitou ao grupo no Albergue Seminario Menor, onde as persoas participantes realizaron unha dinámica para coñecerse mellor e compartiron as súas experiencias e anhelos. De alí saíron posteriormente para realizar distintas rutas turísticas pola cidade de Santiago de Compostela, coas que puideron saber máis da historia da localidade e onde seguiron relacionándose entre si.
Unha vez finalizadas as visitas, o grupo xuntouse na Praza do Obradoiro para desfrutar de tempo libre ata a cea nun restaurante compostelá, onde gozaron dunha sesión en directo de DJ Tomás, un profesional da música coa síndrome de Down. Rematada a cea, os e as máis festeiras decidiron continuar coa diversión nos locais da cidade, bailando e cantando ata ben entrada a madrugada.
Rematado o encontro, as sensacións non poden ser máis positivas. Na mañá do domingo, adxectivos como “divertido”, “espectacular” e “fantástico” bulían entre as persoas participantes, que comentaban cos seus compañeiros e compañeiras que esperaban poder “repetir moi pronto” porque fora “unha experiencia xenial”.
A importancia da inclusión social
A inclusión na sociedade é un dereito fundamental para calquera persoa. Participar dos recursos e das actividades que ofrece a comunidade é un dos piares clave para a consecución da inclusión das persoas coa síndrome de Down ou outra discapacidade intelectual. O desenvolvemento da autonomía persoal e social é importante para calquera ser humano e constitúe un dos puntos fortes para o seu proceso de desenvolvemento e para a súa maduración.
Dende o Movemento Down en Galicia entendemos que as persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais poden vivir dun xeito autónomo e independente, desfrutando dos recursos e actividades que ofrece a comunidade para unha inclusión sen barreiras e en igualdade de condicións que o resto da poboación.
A realización do Encontro de mozos, mozas e persoas adultas 2022 é posible grazas á achega da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia a través das subvencións destinadas á realización de programas de interese xeral para fins de carácter social con cargo á asignación tributaria do 0,7% do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas (IRPF).