O voluntariado en Down Lugo

En Down Lugo consideramos á persoa voluntaria como un membro máis da nosa entidade que, coa súa colaboración e axuda, contribúe á consecución da nosa misión. É dicir, contribúe a mellorar a calidade de vida das persoas con síndrome de Down, e con discapacidade intelectual en xeral.

A Asociación comezou a contar coa colaboración de persoas voluntarias no ano 2000, cando 2 persoas comezaron a participar no programa de Autonomía Persoal e Social.

Paulatinamente, e ao tempo que as actividades da Asociación foron aumentando, foron incorporándose máis persoas voluntarias.

Mulleres e homes de diferentes idades, lugares de procedencia, formacións, intereses e motivacións, que co seu tempo prestan apoios nas actividades e aportan valor ás mesmas a través das relacións creadas entre as persoas con discapacidade e sen discapacidade. Mulleres e homes que ademais colaboran na difusión dun principio que fundamenta a nosa misión, que é: O valor de cada persoa como un ser diferente que aporta valor á comunidade e contribúe a enriquecela e que merece respecto pola súa condición de persoa sen máis.

Dende o ano 2000 máis de 60 persoas colaboraron coa nosa entidade, e todas e cada unha delas aportaron apoio, compromiso, constancia e confianza.

Para rematar deixámosvos unhas palabras de Iria, Fran e Fátima, persoas usuarias de Down Lugo, sobre as persoas que colaboran na entidade: “Encántanos recibir persoas voluntarias na nosa Asociación. Aprendemos moitas cousas delas e estamos seguros/as de que elas aprenden un montón con nós. Chegan a ser un/ha máis do grupo”.

Queres facer voluntariado en Down Lugo? Contigo podemos máis

 Esta nova forma parte do noso proxecto de promoción e captación de voluntariado “Contigo podemos máis” subvencionado pola Consellería de Política Social e Xuventude da Xunta de Galicia.