Pleno de aprobados no exame do proceso selectivo estatal para ingreso como persoal laboral fixo

Por todos e todas é sabido que o esforzo, na maioría das ocasións, é a clave do éxito.

Así o demostraron as 21 persoas vencelladas ás entidades Down de Galicia que se presentaron en Madrid a comezos deste ano á proba do proceso selectivo para ingreso, por acceso libre, como persoal laboral fixo no grupo profesional E0, especialidade tarefas complementarias de apoio, en prazas reservadas para ser cubertas por persoas que acreditasen discapacidade intelectual, correspondente á Oferta de Emprego Público Estatal do ano 2018.

O resultado é espectacular, xa que o 100% das persoas presentadas acadaron un resultado favorable neste exame. Tras esta proba, 3 delas conseguiron avanzar ata a seguinte fase do proceso, a valoración de méritos.

Aínda que tras esa última fase, ningunha persoa usuaria das entidades Down de Galicia opta ás prazas ofertadas, desde a Federación queremos darlle os parabéns a todos e todas as participantes, xa que as ganas e o esforzo son o primeiro andar para acadar, antes ou despois, todas as metas que se propoñan.

Ano tras ano son máis as persoas usuarias de entidades Down interesadas en participar nos distintos procesos selectivos existentes. Todas elas pasan meses, ou incluso anos, preparándose e esforzándose ao máximo, evidenciando deste xeito o interese do colectivo polo acceso ao mercado laboral e por intentar acadar un traballo fixo e estable nunha contorna ordinaria, que poida dar estabilidade á súa situación económica e facilitar así a consecución dunha vida máis autónoma e independente.

Reclamacións ao Ministerio de Hacienda y Función Pública

Trala realización do mencionado exame, a Federación Down Galicia solicitou á Secretaría de Estado de Función Pública que as futuras probas relacionadas con procesos selectivos similares a este poidan ser descentralizados, cun mínimo dunha localización en cada Comunidade Autónoma nas que se oferten prazas. Desta forma, aumentarían significativamente as opcións de participación dun gran número de persoas e facilitarían o desprazamento ás mesmas.

Desde o Movemento Down en Galicia consideramos que o feito de que este proceso non se descentralice cando outras probas ordinarias si o están a facer, é unha discriminación e un agravio comparativo cara as persoas con discapacidade intelectual.