Dende o 5 de marzo 8 persoas con síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais de Down Lugo están participando no Proxecto Troya Mentoring na Facultade de Administración e Dirección de Empresas da Universidade de Santiago de Compostela (USC) do Campus de Lugo.
Este proxecto é promovido pola USC, a Aula TIC PYMEs e a Asociación Down Lugo.
O seu obxectivo é aumentar a empregabilidade das persoas con discapacidade intelectual na provincia de Lugo, ofrecéndolles unha formación que proporcione coñecementos sobre o funcionamento interno das empresas.
Ao tempo, búscase tamén sensibilizar ás empresas e estudantes universitarios do territorio en materia de emprego e discapacidade, así como sobre as barreiras no acceso ao emprego deste colectivo.
A formación teórica, que rematará o 7 de maio, versará sobre temas de como a comunicación dentro da empresa, xestión de conflitos, coñecemento da documentación propia da administración da empresa, Excel, xestión de correos electrónicos e chamadas…
Despois desta formación teórica comezará a fase de prácticas en empresas. Para esta fase cóntase co patrocinio de 9 empresas lucenses, que ofrecen prácticas laborais ao alumnado do curso, converténdose en padriños e madriñas desta iniciativa. Estas empresas son: Arenal, Pescados Rubén, Cafés Candelas, Torre de Núñez, Plásticos Arias, AMSLab, VrioPack, El Progreso e Establecimientos Rey.
Por outra parte, a Oficina de Voluntariado do Campus de Lugo da USC, ocupouse de seleccionar a 4 persoas voluntarias que lle ofrecen ao alumnado apoio na súa formación, dándolles reforzo das sesións e preparándoo para o proceso de prácticas.
Esta é a segunda edición deste proxecto, que no ano 2022 colleitou resultados moi positivos para as persoas participantes, e que sigue poñendo de manifesto a necesidade de transformar a realidade actual do mercado de traballo e que por fin deixe de ser un espazo excluínte para as persoas con discapacidade.