Este acordo céntrase concretamente na realización por parte das persoas usuarias das entidades Down de Galicia de períodos de formación como dependentes de atención, reposición e colocación de produtos nas tendas da empresa de moda, zapatillas e material deportivo. Desta forma, minimizaranse as diferentes barreiras coas que se atopa o colectivo no proceso de busca de emprego.
Pola súa parte, a Federación e as entidades que a conforman comprométense a colaborar nas mencionadas accións formativas a través da metodoloxía do emprego con apoio, sistema estruturado e sistemático de adestramento no propio posto, que permite á persoa participante adquirir as destrezas, habilidades e coñecementos da formación práctica no centro de traballo. Así mesmo, ademais do seguimento de cada persoa en prácticas, tamén asesorarán ás persoas responsables e compañeiras do centro de traballo e facilitará pautas sobre o tipo de relacións que han de manter, así como as destinadas á resolución das dúbidas que poidan xurdir.
Sprinter expresa ademais a súa vontade de promover e adoptar, en colaboración coa Federación Down Galicia, outros mecanismos que contribúan a fomentar a inserción laboral e o benestar das persoas en situación de vulnerabilidade, de maneira que se poidan alcanzar sucesivos acordos nesta materia.