O venres 21 de marzo Down Lugo conmemorou o Día Mundial da Síndrome de Down coa lectura dun manifesto no Museo Provincial de Lugo.
Iria e Alba, representantes da Asociación, leron o Manifesto pola Promoción da Autonomía persoal, dando así voz a todo o colectivo e facendo fincapé en que as persoas coa síndrome de Down, coma calquera outra, queren vivir a vida que elas mesmas elixan.
“Un cromosoma extra non pode ser a escusa para privarnos dos nosos dereitos. Temos dereito a ser persoas autónomas e independentes. A estudar, a traballar, a querer, a divertinos e a relacionarnos. E, por suposto, temos dereito a tomar as nosas propias decisións e a formar parte da sociedade”, demandaron.
Trala lectura do manifesto, inaugurouse a exposición fotográfica “Tan coma ti”, unha mostra formada por imaxes que buscan achegar á cidadanía a realidade actual das persoas coa síndrome de Down, ofrecendo unha visión máis próxima e realista das súas vidas, resaltando as súas capacidades, logros e a súa plena inclusión na sociedade.
Como indicou a presidenta da nosa Asociación, María José Blanco Freire, “as fotografías non mostran accións extraordinarias e iso precisamente é o que queremos transmitir, que as persoas con síndrome de Down fan as mesmas cousas que as persoas sen discapacidade”.
Ao acto asistiron representantes do Concello de Lugo, da Subdelegación do Goberno en Lugo, da USC e de distintas entidades sociais da cidade e público en xeral.