Unha pegada máis no “Camiño cara á inclusión”

         

A pasada fin de semana (26 e 27 de outubro), os mozos e mozas da Asociación Síndrome de Down de Lugo collemos as nosas mochilas e os nosos sacos de durmir e iniciamos a aventura de percorrer unha das etapas do Camiño de Santiago, última actuación do noso proxecto Camiño cara á inclusión, beneficiario do programa O teu Xacobeo da Xunta de Galicia.

O sábado pola mañá saíu o autobús dirección a San Paio, un pequeno pobo situado a 12 km da Praza do Obradoiro. Chegamos cun pouco de atraso pero con moitas ganas de comezar. O primeiro tramo foi todo subidas, polo que a metade de camiño tivemos que parar, tomar un pequeno  piscolabis para coller forza e seguir adiante. Sobre as 15 horas chegamos a San Marcos, onde comemos un rico menú, descansamos as pernas e charlamos entre todos do camiño percorrido. Ao cabo de dúas horas, volvemos coller as mochilas e continuamos o Camiño cara ao albergue. Chegamos bastante cansos, deitámonos un intre para descansar, démonos unha ducha e fomos cear polas proximidades.

Despois de cear, fixemos o obradoiro de “Historias  do  Camiño”. Sentados en círculo lemos varias lendas sobre o Camiño de Santiago. Foi unha actividade que nos gustou moito. Ao rematar fomos durmir, coa boa sorte de que atrasaban a hora e esperábanos unha hora máis de sono.

Espertámonos ao día seguinte cunhas poucas  maniotas pero coa enerxía suficiente para seguir camiñando. Tomamos un bo almorzo e continuamos o noso camiño cara á Praza  do Obradoiro, o noso obxectivo final. Camiñamos durante unha hora aproximadamente e… chegamos á Praza: saltamos de alegría! (non literalmente, xa que as nosas pernas estaban resentidas). Tirámonos un pouco na praza para observar o gran ambiente que había e a catedral. Paseamos pola zona vella e fomos comer. Despois de comer esperábanos o autobús para volver a Lugo.

Volvemos esgotados pero cunha sensación de satisfacción enorme. Foi unha experiencia nova para todos nós e compartila xuntos foi xenial.

Grazas a subvencións como esta por darnos a oportunidade de realizar actividades novas en contextos comunitarios, dando desta forma un  pasiño máis para a nosa inclusión na sociedade!