Voluntariado. Non só das, tamén recibes

Xeralmente vemos o voluntariado como unha labor solidaria na que a persoa voluntaria é quen axuda a outra persoa ou a un colectivo de persoas. Pero… que pasaría se máis aló de pensar que axudamos a outra persoa, ao facer voluntariado tamén recibíramos algo ou, incluso máis do que damos?

Diversos estudos e os máis de 20 anos de experiencia de Down Lugo contando con persoas voluntarias nas nosas actividades permítennos ter razóns para pensar que isto é así.

Mostramos unha pequena mostra de testemuños dalgunhas persoas voluntarias que colaboraron coa nosa entidade e con eles podedes sacar as vosas propias conclusións ao respecto:

“Antes eu pensaba que ser voluntaria era pasar un par de horas á semana axudando aos demais e que non recibía nada a cambio, pero cando pasei a porta da Asociación dinme conta que estaba equivocada, posto que ser voluntaria é moito máis”. Beatriz Vellé

“Síntome agradecida por comprobar que aínda quedan persoas e lugares onde os pequenos detalles importan, e o valor vence ao prezo; onde o “por min e polos meus compañeiros” non se queda nunha simple frase de nenos, e todos nos axudamos para superar os nosos medos e dificultades, e nos esforzamos para alcanzar os nosos soños e ser o mellor que poidamos chegar a ser”. Nerea Villarroel

“Cando cheguei á Asociación non sabía se podería afrontar a miña axuda como o estou facendo, pero foi todo o contrario. É o que sempre quixen facer, que creo é tan importante e ao tempo enriquecedor”. Ángeles Quindós

“En Down Lugo encontramos a benvida máis natural e cálida que nos fixeron- e nos farán- nas nosas vidas. Foi unha acollida espontánea e sinxela, e pasar de ser descoñecidos a considerarvos parte da nosa rutina foi igual de fácil para nós. Da noite á mañá, encontrámonos conmovidas co voso xenuíno compañeirismo, sorrindo con vós ante esa visión optimista que sempre lle dades as cousas e perplexas coa vosa forma de aconsellar, consolar e coidar dos vosos amigos”. Noelia Sande e Lucía Velázquez

“Decirvos que o que me aportades é algo que nunca antes conseguira con tan pouco esforzo: tranquilidade, paz, acougo, etc. Quero que saibades tamén que cando estou con vós, aínda que chegue moi cansa do meu traballo, encontro un mundo de bicos, saúdos, apertas, sen reproches, sen malas caras, en fin, que non vos cambiaría por nada”. Reme Vázquez

“Cando chega o luns e teño que ir ao meu recinto de luz que é a Asociación, necesito uns minutos para pensar a gran sorte que teño que se me permita estar con estes seres que me regalan sorrisos e paz”. Víctor González

“A partir de aquel contacto inicial, cada segundo, cada minuto e cada hora compartidos permitíronme ser consciente do verdadeiro valor da diversidade e da marabillosa sensación de aprender e ensinar simultaneamente”. María Neira

“As cousas que aprendín e me aportou o voluntariado son infinitas. Vin que con esforzo se conseguen moitas cousas, sobre todo, esas que por algunha razón a xente cre que só hai unha forma de facelas, a “normal”, significado algún día comprendo e todo, ou non, e tampouco pasa nada”. Noelia Martínez

“Gustaríame aproveitar para animar a quen nunca foi voluntario, pois estou segura de que non se vai arrepentir. Non só é unha experiencia que te enriquece en moitos sentidos, senón que tamén axuda a desfacerse de moitos prexuízos que hai instaurados na sociedade acerca da síndrome de Down. Limita máis un prexuízo ca un cromosoma”. Cristina Cabana

Queres facer voluntariado en Down Lugo? Contigo podemos máis

Esta nova forma parte do noso proxecto de promoción e captación de voluntariado “Contigo podemos máis” subvencionado pola Consellería de Política Social e Xuventude da Xunta de Galicia.